Sunday 28 de April de 2024

Camariñas dá a benvida á maior conmemoración dos naufraxios galegos polos máis de 124 anos da catástrofe do City of Agra


· O Museo MAN acollerá unha exposición fotográfica ata o 31 de outubro e celebraranse roteiros, recreacións históricas, un mercadiño mariñeiro e concertos.

Camariñas deulle esta mañá a benvida o maior programa conmemorativo dos naufraxios galegos polos máis de 124 anos da catástrofe do City of Agra.

A Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello de Camariñas, a Asociación de Veciños de Camelle ‘A Pergoliña’ e a Confraría de Pescadores de Camelle, organiza este compendio de actividades, que se levarán a cabo tanto en Camelle como en Arou.

Hoxe, venres 15 de outubro, arrincou o programa ás 10:00 horas na inauguración do evento coa apertura da carpa que acolle a Feira Mariñeira. Alí estiveron presentes a alcaldesa, Sandra Insua, a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Tajes e o concelleiro de Obras, Sergio Caamaño.

Durante a xornada desenvolverase unha visita guiada á exposición fotográfica no Museo MAN ‘City of Agra. 124 anos na memoria’, a degustación do ‘I Concurso de tapas coas especias do City of Agra’, ou a recreación dunha palillada na carpa da feira Mariñeira.

Os locais de hostalaría participantes no evento gastronómico son: O Colmado d’Arou, A Molinera, O Estanco, o bar-restaurante Rotterdam, o café-bar Marítimo e a pastelaría Perla.

Durante o sábado 16 de outubro celebrarase un roteiro animado dos náufragos do City of Agra, con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou e con remate no Campo Santo de Camelle. Ás 13:00 horas comezará un xantar popular para posteriormente acoller unha representación do desmalle da sardiña, entre o porto e a carpa da Feira Mariñeira. Retornará a degustación das tapas do evento gastronómico e ás 20:00 horas terá lugar o toque da campá, onde un grupo de nenos e nenas percorrerán as rúas de Camelle anunciando o naufraxio do buque anglosaxón. Ás 21:30 horas desenvolverase o acto da arribada dos naufraxios, desde a explanada do Museo MAN e ás 22:00 horas pecharase a Feira Mariñeira.

O domingo 17 de outubro repetirase a degustación do ‘I Concurso das tapas con especias do City of Agra’ e ás 12:45 terá lugar o acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos salvados polos mariñeiros de Camelle e Arou, e posterior entrega de medallas aos seus patróns polo Cónsul británico.

Ás 13:00 horas haberá un pasarrúas de despedida da veciñanza de Camelle aos náufragos, e ás 18:00 horas abrirase a furna para coñecer o establecemento gañador do I Concurso de tapas con especias do City of Agra, na carpa da Feira Mariñeira. Ás 20:00 horas do domingo clausurarase o programa.

Para inscribirse nos roteiros guiados, é necesario enviar un correo ao enderezo naufraxiosgalegos@gmail.com.

Corenta e dous superviventes

42 persoas sobreviviron ao naufraxio: 32 aloxados nas casas de Camelle, Camariñas e Arou e 10 salvados pola tripulación do vapor mercante británico Onega. A bordo do City of Agra ían 75 persoas.

Os veciños e veciñas de Arou e Camelle proporcionaron aos náufragos roupas, comidas, camas e prodigáronlle toda clase de atencións logo do desolador acontecemento.